lunes, 15 de junio de 2020

DESPEDIDA


Benqueridos nenos, nenas e familias:

Esta semana rematamos un curso atípico no que todos xogamos un papel inesperado que nunca imaxinamos ter que desenvolver.

Dun día para outro, recollemos todo o que tiñamos no cole ás presas, e as casas convertéronse en aulas improvisadas nas que pais e nais tivestes que guiar aos vosos fillos e fillas nunha nova realidade, na que o académico pasou a un segundo plano, e o importante foi cubrir esas carencias que os pequenos tiveron a outros niveis moito máis esenciais. Se algo nos ensinou todo isto foi a relativizar e a poñer cada cousa no seu lugar. Carentes de risas, momentos e xogos compartidos entre iguais, os nenos tiveron en vós unha axuda e apoio que seguro non esquecerán.

E vós, os nosos alumnos e alumnas, superastes con creces todas as expectativas, estando presentes, cumprindo coa entrega do que vos pedimos e mantendo o ánimo e o interese ata o último momento. Que ben o fixestes!

Por todo iso, grazas. Grazas por facernos sentir afortunadas de seguir crendo nunha profesión, agora se cabe, aínda con máis forza.

Despedimos o curso e con el moreas de correos electrónicos, incertidume e inquedanza, á espera de reencontrarnos moi cedo e poder compartir con vós todo o que durante este tempo non puidemos.

Agora toca desconectar e recargar enerxías para en setembro atoparnos de novo.

Bo verán e vémonos á volta!

Unha aperta enorme e novamente grazas.
As titoras


PD: Deixámosvos un pequeno agasallo feito con todo o noso cariño que desexamos que vos guste. Podedes imprimilo en cartolina ou en papel fotográfico. Están en dous formatos, se imprimides é mellor facelo en .png xa que ten unha mellor resolución.

- Clase de 5ºA: .pdf  - .png
- Clase de 5ºB: .pdf  - .png
- Clase de 5ºC: .pdf  - .png